Clasificación UPP

1 comentarios comentarios

Clasificación UPP

..

No documento de consenso realizado entre EPUAP, NPUAP e PAN PACIFIC publicado no ano 2014 séguense propoñendo catro categorías para clasificar las UPP.

A categoría define a máxima profundidade do tecido afectado despois da retirada do tecido non viable ou necrótico. A reversión da categoría non debe utilizarse como sistema para describir a cicatrización de unha UPP, polo tanto as UPP de categoría IV non se converten en lesións de categoría III, II ou I.

Categoría I: eritema non branqueante na pel íntegra

Nesta categoría a pel preséntase intacta con eritema non branqueante (que non branquea) dunha área localizada, xeralmente sobre unha prominencia ósea. Poden estar presentes: descoloración da pel, calor, edemas, endurecementos ou dor. A área pode ser dolorosa, firme, suave, máis quente ou máis fría en comparación cos tecidos adxacentes. Esta categoría pode ser difícil de detectar en individuos de pel escura.

 

Categoría II: perda parcial do espesor da pel ou bocha
Esta categoría caracterízase pola perda de espesor parcial da derme, presentándose como unha úlcera aberta pouco profunda, co leito da ferida entre rosado e vermello, sen esfácelos. Tamén pode mostrarse como unha bocha intacta chea de soro ou rota.
É unha úlcera superficial de aspecto brillante ou seco sen esfácelos ou hematomas (o hematoma indica lesión dos tecidos profundos).
Esta categoría non debería ser usada para describir laceracións, lesións de esparadrapo, dermatite asociada a incontinencia, maceración ou excoriación.
 
Categoría III: perda total do grosor da pel
Na categoría III observarase a perda completa do tecido. A graxa subcutánea pode ser visible, pero ósos, tendóns ou músculos non están expostos. Os esfácelos poden estar presentes, pero non ocultar a profundidade da lesión. Pode incluír cavitacións e tunelizacións.

 

A profundidade varía segundo a localización anatómica. O nariz, a orella, o occipital e o maléolo non teñen tecido subcutáneo (adiposo) e as UPP desta categoría poden ser pouco profundas. Con todo, as zonas de importante adiposidade poden desenvolver UPP de categoría III extremadamente profundas. En calquera caso, o óso ou o tendón non son visibles ou directamente palpables.
 
Categoría IV: perda total de espesor dos tecidos
Dentro desta categoría clasifícanse aquelas lesións onde hai unha perda total do espesor do tecido con óso exposto, tendón ou músculo. Poden aparecer esfácelos ou éscaras. Frecuentemente inclúe cavitacións e tunelizacións (canalizacións). A profundidade das UPP desta categoría varía segundo a súa localización anatómica; no nariz, na orella, no occipital e no maléolo onde non hai tecido adiposo son pouco profundas, con todo, en zonas con adiposidade significativa poden ser extremadamente fondas. Podendo estenderse a músculo e/ou estruturas de sostén (a fascia, tendón ou cápsula da articulación) con risco de producirse unha osteomielite ou osteíte. O óso/músculo exposto é visible ou directamente palpable.
 
Algunhas lesións consideraranse como non categorizables, ata que non se realice un desbridamento que permita establecer que profundidade ten a dita lesión.
 
Sospeitarase dunha lesión profunda ou de profundidade descoñecida, ante unha área localizada de cor morada ou parda de pel decolorada ou bocha con sangue, debido ao dano que sufriron os tecidos brandos subxacentes producidos pola presión ou a cizalla.

  

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Comentarios:
  • avatar Jose Denamiel Fernández dixo:
    domingo, 6 de marzo 2022 ás 19:31
    Bien explicado, y fáciles de comprender.
Publica o teu comentario
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde